Concurso de fotografía do Concello de Viveiro para celebrar o Día do Libro

A iniciativa está impulsada pola concellería de Cultura, a Biblioteca Municipal de Viveiro e conta coa colaboración do Centro comercial Casco Histórico de Viveiro.

Viveiro. CONCELLO DE VIVEIRO

O Concello de Viveiro convoca o concurso de fotografía “Onde les ti?”, para conmemorar o Día do Libro, que se celebra o próximo 23 de abril. A iniciativa está impulsada pola concellería de Cultura, a Biblioteca Municipal de Viveiro e conta coa colaboración do Centro comercial Casco Histórico de Viveiro.

O concurso busca crear unha imaxe na que apareza o recuncho preferido de cada participante para ler e na que o libro ou o acto de ler sexa o protagonista da instantánea. Esta poderá ir acompañada dunha breve descrición se o/a participante o considera oportuno.

“Facemos unha pequena homenaxe aos libros, eses grandes compañeiros nos momentos de lectura, que implica relaxación, imaxinación, goce, pensamentos…”, sinala Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.

Establécense tres categorías de participación: infantil, ata 12 anos; xuvenil, entre 13 e 17 anos; e adulto, a partir de 18 anos. Os premios serán un lote de libros cun valor de 60 euros por cada categoría e un lote de entradas para “Cines Viveiro” cun valor estimado de 100 euros por categoría.

“Con esta iniciativa buscamos achegar a lectura á nosa cidadanía, poñendo en valor os libros e sobre todo a nosa Biblioteca Municipal, que gaña cada vez máis usuarios e usuarias”, engade a concelleira.

Cada participante poderá presentar unha fotografía. Unha vez recibidas, o 2 de maio serán publicadas por categorías na páxina de programación cultural do Concello de Viveiro, onde a cidadanía poderá votar pola súa favorita ata o 6 de maio. A fotografía que máis “me gusta” acade en cada categoría será a gañadora.

Para participar as fotografías deberán ser enviadas por correo electrónico ao enderezo da Biblioteca Municipal de Viveiro: biblioteca.viveiro@viveiro.es O prazo de recepción dos traballos comeza o este sábado, 23 de abril, e rematará o próximo 30 de abril de 2022.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here